Danza Movemento Terapia
A Danza Movemento Terapia é unha terapia creativa que persegue a integración corpo–mente a través do movemento propio de cada persoa, promovendo a integración emocional, cognitiva, física e social, a través dun proceso de crecemento persoal; traballando mediante a linguaxe do corpo, o movemento e a emoción.
Esta actividade ofrécenos un espazo para dedicarnos a nós mesmos/as, onde desconectar da vida cotiá para conectar co noso corpo, as nosas necesidades e emocións, onde as sesións son flexibles e se adaptan ás características e evolución do grupo. Un espazo seguro e confortable no que relaxarnos, respirar, redescubrirnos, reciclarnos, coñecernos e recoñecernos, a través do noso propio movemento, buscando a liberdade de acción.
Beneficios da Danza Movemento Terapia
A Danza Movemento Terapia nace da danza máis simple e dos movementos naturais i espontáneos do ser humano. A ADMTE (Asociación de Danza Movimiento Terapia Española) establece como premisa básica desta terapia, o feito de que «todo movemento corporal pode levar ó mesmo tempo, a cambios na psique, promovendo a saúde e o crecemento persoal». Dende a Danza Movemento Terapia, fundamentámonos na idea de que as posturas características de cada persoa, os seus movementos, o seu xeito de ocupar o espazo, etc., reflicten tensións, emocións, relacións, estado de ánimo, personalidade e historias.
Polo tanto, a DMT traballa a través da linguaxe do corpo, o movemento e a emoción (ADMTE, 2012), supoñendo unha experiencia multisensorial para os/as pacientes, fundamentándose na investigación sobre a comunicación non verbal, na psicoloxía do desenvolvemento e en diferentes sistemas de análise do movemento, que nos axudan a comprender ás/ós usuarias/os, a identificar patróns e a establecer unha intervención personalizada e adecuada ás súas necesidades.
ADMTE (Asociación Española de Danza Movimiento Terapia) www.danzamovimientoterapia.com
EADMT (European Association Dance Movement Therapy) www.eadmt.com