Danza Movemento Terapia: familias

A Danza Movemento Terapia é unha terapia creativa que persegue a integración corpo–mente a través do movemento propio de cada persoa, partindo da idea de que o movemento é un aspecto básico para o noso desenvolvemento emocional e social. Parte da premisa de que “todo movemento corporal pode levar ó mesmo tempo, a cambios na psique, promovendo a saúde e o crecemento persoal”(ADMTE).

Caracterízase por utilizar as expresións non verbais e polo uso que fai da danza e o movemento, para  axudar a acadar o benestar emocional ou psicolóxico e tamén socio-educativo, xa que como profesional, combino a Danza Movemento Terapia e a Educación Social, para deseñar proxectos e levar a cabo as intervencións, promovendo unha integración emocional, cognitiva, física e social, a través dun proceso de crecemento persoal.

Beneficios da Danza Movemento Terapia en familia

Esta terapia creativa expón a idea de que o corpo é unha gran fonte de memoria, e as posturas características  de cada persoa, os seus movementos,  o seu xeito  de  ocupar  o espazo, etc., fálannos de tensións, emocións, personalidade, relacións e historias. Polo tanto, nas sesións de DMT traballamos a través da linguaxe do corpo, o movemento e a emoción, mediante variadas técnicas creativas de movemento, improvisación, respiración ou relaxación, e dinámicas individuais, en parella ou grupo, acompañadas de múltiples materiais (música, teas, pelotas, instrumentos, pintura...), que nos axudan a deixarnos levar, explorarnos, coñecernos e mostrarnos progresivamente, conectando co noso interior e expresando as nosas emocións, promovendo unha mellora na nosa calidade de vida.

A investigación sobre a comunicación non verbal, a psicoloxía do desenvolvemento e os diferentes sistemas de análise do movemento, neste caso unidas á Educación Social, permiten comprender ás/ós usuarias/os, a identificar patróns e a establecer unha intervención personalizada e adecuada ás súas necesidades.

Por unha banda, a Danza Movemento Terapia establécese como medio de Prevención e de Crecemento Persoal para todas aquelas persoas interesadas proceso terapéurico complementario adaptado ás características de cada caso.

ADMTE (Asociación Española de Danza Movimiento Terapia) www.danzamovimientoterapia.com

EADMT (European Association Dance Movement Therapy) www.eadmt.com

Nas sesións de Danza Movemento Terapia, os membros das familias se conectarán e descubrirán a través da linguaxe corporal, a emoción e o movemento, apoiándose en múltiples materiais e utilizando a comunicación non verbal coma unha ferramenta para relacionarse dende un novo punto de vista, establecer ou reforzar un vínculo emocional seguro, e traballar aspectos como o contacto físico, os límites, o respecto ou a confianza, explorando novas maneiras de comunicarse, comprenderse e coñecerse. Estas sesións aportarán ás familias tanto beneficios colectivos, fomentando unha relación positiva, incrementando a capacidade para comprenderse e xestionar diferentes situacións familiares, axudando a identificar e mostrar emocións, etc; coma beneficios individuais a nivel físico, psíquico, emocional e social, nun proceso de crecemento persoal.

En definitiva, a interacción en familia, a través desta terapia creativa, reforzará ós vínculos afectivos, fomentando a seguridade nun mesmo e no grupo familiar, proporcionando unhas sesións nas que gozar e divertirse construíndo un espazo entre todos/as.

facebook xanzá
Xanzá Movemento eco-creativo
Teléfono de contacto: 698 19 28 29