Danza Movemento Terapia: menores 

A Danza Movemento Terapia é unha terapia creativa que persegue a integración corpo–mente a través do movemento propio de cada persoa, partindo da idea de que o movemento é un aspecto básico para o noso desenvolvemento emocional e social. Parte da premisa de que “todo movemento corporal pode levar ó mesmo tempo, a cambios na psique, promovendo a saúde e o crecemento persoal”(ADMTE).

Caracterízase por utilizar as expresións non verbais e polo uso que fai da danza e o movemento, para  axudar a acadar o benestar emocional ou psicolóxico e tamén socio-educativo, xa que como profesional, combino a Danza Movemento Terapia e a Educación Social, para deseñar proxectos e levar a cabo as intervencións, promovendo unha integración emocional, cognitiva, física e social, a través dun proceso de crecemento persoal.

Beneficios da Danza Movemento Terapia na infancia

Esta terapia creativa expón a idea de que o corpo é unha gran fonte de memoria, e as posturas características  de cada persoa, os seus movementos,  o seu xeito  de  ocupar  o espazo, etc., fálannos de tensións, emocións, personalidade, relacións e historias. Polo tanto, nas sesións de DMT traballamos a través da linguaxe do corpo, o movemento e a emoción, mediante variadas técnicas creativas de movemento, improvisación, respiración ou relaxación, e dinámicas individuais, en parella ou grupo, acompañadas de múltiples materiais (música, teas, pelotas, instrumentos, pintura...), que nos axudan a deixarnos levar, explorarnos, coñecernos e mostrarnos progresivamente, conectando co noso interior e expresando as nosas emocións, promovendo unha mellora na nosa calidade de vida.

A investigación sobre a comunicación non verbal, a psicoloxía do desenvolvemento e os diferentes sistemas de análise do movemento, neste caso unidas á Educación Social, permiten comprender ás/ós usuarias/os, a identificar patróns e a establecer unha intervención personalizada e adecuada ás súas necesidades.

Por unha banda, a Danza Movemento Terapia establécese como medio de Prevención e de Crecemento Persoal para todas aquelas persoas interesadas proceso terapéurico complementario adaptado ás características de cada caso.

ADMTE (Asociación Española de Danza Movimiento Terapia) www.danzamovimientoterapia.com

EADMT (European Association Dance Movement Therapy) www.eadmt.com

Danza Movemento terapia na infancia
Danza Movemento terapia na adolescencia

A Danza Movemento Terapia pode acompañar ás mozas e mozos no seu proceso de desenvolvemento persoal e social nesta etapa de cambios físicos, sociais e psicolóxicos, ofrecéndolles un espazo seguro e de confianza, onde mostrarse e medrar. Nunha etapa na que aparecen sentimentos encontrados, inseguridades, dúbidas... nun proceso de autocoñecemento e reforzo da autoestima, esta terapia creativa constitúe unha estratexia alternativa de intervención socio-educativa cos/as mozos/as.

A DMT está baseada na acción e na súa maior parte trabállase a través da comunicación non verbal, o que pode axudar á xente nova a mostrarse e transmitir máis facilmente, presentando ó corpo coma fonte de memoria e coma canle de expresión de emocións, frustracións, capacidades, recordos, dificultades e necesidades. Inclúe o intercambio verbal, pero non depende dunha linguaxe sofisticada, que a distancie destes destinatarios/as. O método pretende involucrar á xente nova nunha experiencia creativa coa que construír relacións e desenvolver unha definición de si mesmos/as, proporcionándolles un espazo no que podan sentir confianza para explorar o seu corpo, a súa personalidade e os seus gustos, capacidades e necesidades, constituíndose a DMT como apoio na formación da identidade. Conectando corpo e mente, traballando a aceptación dun/ha mesmo/a, esta intervención pode ser relevante tanto nas xestión das cuestións relacionadas co corpo, como a imaxe corporal, a consciencia dos cambios físicos e psicolóxicos na transición á madurez ou a consciencia e control corporal; como para reforzar as habilidades sociais, emocionais e de comunicación.

Ademais, tendo en conta que os adolescentes se atopan nunha etapa na que o ámbito social adquire un primeiro plano, a busca de aceptación e a importancia do colectivo convértense nuns dos obxectivos principais, e esta terapia creativa estimula a motivación ó implicar a cada membro do grupo nun mesmo nivel, traballando a autoestima, a confianza e o respecto, promovendo e facilitando a integración. Ningún ten que ser o protagonista durante demasiado tempo pero á vez todos receben atención. Todas as accións propostas son valiosas e a non competitividade leva á igualdade de condicións dentro deste espazo, no que os/as adolescentes poden experimentar e adoptar o rol no que se sintan cómodos/as, seguros/as e respectados/as, ó mesmo tempo que necesariamente deben aceptar a diferenza e respectar a personalidade das demais persoas participantes, no caso de ser unha intervención grupal.

A Danza Movemento Terapia acompaña ós nenos e ás nenas durante o seu proceso de desenvolvemento en xeral, así como en posibles experiencias traumáticas ou difíciles, actuando coma un catalizador e unha canle a través da cal explorar o seu interior, expresar os seus sentimentos e avanzar no seu proceso vital. Nas sesións se uriliza a danza, o movemento, a música, a pintura, a imaxe, a palabra, a observación, a interacción, a imaxinación e o xogo, para establecer unha intervención terapéutica e unha programación socio-educativa para os/as pequenos/as.

O uso da expresión non verbal, o xogo simbólico e materiais que chaman a atención dos/as nenos/as, facilitan unha vía complementaria de aprendizaxe e crecemento tanto a nivel individual, coma grupal. O corpo adquire protagonismo fronte á palabra, permitíndolles mostrarse expresar as súas necesidades e emocións contidas, compartir a súa esencia, experimentar novas maneiras de ser e deixar voar a súa imaxinación. As sesións e obxectivos adáptanse ás diversas etapas, necesidades e características dos nenos/as, dende os 3 anos, momento no que o xogo e a imaxinación teñen moita presenza, ata os 12 anos, cando o ámbito social comeza a adquirir máis importancia.

Nas sesións de DMT, adquirirán novas habilidades socio-emocionais e de comunicación, favorecendo a confianza e seguridade, a autoestima e o autocoñecemento, a atención e concentración, identificando e xestionando emocións, etc. Trátase de explorar e experimentar, de aprender a tomar decisións, a relaxarse e respirar, a coñecerse e gustarse a si mesmos/as, reforzando e descubrindo capacidades, nun proceso educativo e de crecemento socio-emocional.

facebook xanzá
Xanzá Movemento eco-creativo
Teléfono de contacto: 698 19 28 29