Danza terapéutica

Unha actividade para conectar corpo e mente, relaxarnos, reducir estrés, descargar tensión, comunicarnos, mellorar o noso estado físico e psíquico e divertirnos nun ambiente de confianza.

Este taller esta basado na Danza Movemento Terapia, unha terapia creativa que persegue a integración corpo–mente a través do movemento propio de cada persoa, partindo da idea de que o movemento é un aspecto básico para o noso desenvolvemento emocional e social. Caracterízase por utilizar as súas expresións non verbais e polo uso que fai da danza e o movemento, para promover unha integración emocional, cognitiva, física e social, a través dun proceso de crecemento persoal. Polo tanto, a DMT traballa a través da linguaxe do corpo, o movemento e a emoción, mediante variadas técnicas e dinámicas individuais, en parella ou grupo, que nos axudarán a deixarnos levar, explorar, e gozar do momento, promovendo unha mellora na nosa calidade de vida.

INTEGRACIÓN PSICO-FÍSICA E CRECEMENTO PERSOAL

Nas sesións de Danza terapéutica, utilizaremos a comunicación non verbal, a danza, a improvisación, a música, a respiración, a relaxación, o ritmo, o contacto, o intercambio, o xogo... e variados materiais (teas, globos, pinturas, papel continuo, pelotas...) que nos axudarán a explorar e coñecer o noso corpo, mostrar o noso propio movemento, e establecer relación cos/as demais; realizando un traballo tanto corporal (físico) como emocional e social, no que descargaremos tensión e nos cargaremos de enerxía, promovendo a nosa integración psico-física (corpo – mente), nun interesante proceso de crecemento persoal.

Estas sesións están adaptadas ás necesidades e características psico-físicas desta etapa coa fin de manter e estimular as capacidades das persoas participantes, promovendo unha mellora na calidade de vida.

 

Beneficios da Danza terapéutica

A Danza Movemento Terapia nace da danza máis simple e dos movementos naturais i espontáneos do ser humano. A ADMTE (Asociación de Danza Movimiento Terapia Española) establece como premisa básica desta terapia, o feito de que «todo movemento corporal pode levar ó mesmo tempo, a cambios na psique, promovendo a saúde e o crecemento persoal». Dende a Danza Movemento Terapia, fundamentámonos na idea de que as posturas características  de cada persoa, os seus movementos,  o seu xeito  de  ocupar  o espazo, etc., reflicten tensións, emocións, relacións, estado de ánimo, personalidade e historias.

Polo tanto, a DMT traballa a través da linguaxe do corpo, o movemento e a emoción (ADMTE, 2012), supoñendo unha experiencia multisensorial para os/as pacientes, fundamentándose na investigación sobre a comunicación non verbal, na psicoloxía do desenvolvemento e en diferentes sistemas de análise do movemento, que nos axudan a comprender ás/ós usuarias/os, a identificar patróns e a establecer unha intervención personalizada e adecuada ás súas necesidades.

ADMTE (Asociación Española de Danza Movimiento Terapia) www.danzamovimientoterapia.com

EADMT (European Association Dance Movement Therapy) www.eadmt.com

 
facebook xanzá
Xanzá Movemento eco-creativo
Teléfono de contacto: 698 19 28 29