Movemento, conexión & relaxación para embarazadas

Este é un espazo para conectar contigo mesma e con teu interior, onde dedicarte tempo para desfrutar desta nova etapa e responder ás túas necesidades, favorecer ó teu estado físico e emocional, nun momento no que o teu tándem corpo-mente experimenta múltiples cambios a diferentes niveis.

As sesións teñen como base a Danza Movemento Terapia, unha terapia creativa que persegue a conexión corpo-mente, traballando a través do noso propio movemento e a emoción, procurando unha integración física, psíquica, emocional e social. Trátase de conectar con nós mesmas, coa nosa parella no caso de compartir a actividade, e co embarazo, nunha etapa na que experimentamos múltiples cambios.

Nestas sesións utilizaremos a comunicación non verbal, a respiración, a música, o ritmo, o contacto, a improvisación, o intercambio, o noso propio movemento, técnicas de relaxación e consciencia corporal, etc., creando un espazo de seguridade e confianza que nos axudará a deixarnos levar e gozar do momento. Exploraremos a través de dinámicas individuais, en parella ou grupais, variadas técnicas, e diferentes materiais (teas, globos, pinturas, papel continuo, pelotas...).

Traballaremos aspectos físicos, reforzando a través das dinámicas de movemento a mobilidade, a forza, o equilibrio, a consciencia corporal, a flexibilidade, etc. Isto axuda a obter un mantemento físico durante o embarazo, preservando e mellorando as nosas capacidades para estar en forma nesta etapa.​ Ademais, centrarémonos en diferentes técnicas de respiración e relaxación, que podan servirnos para utilizar posteriormente, reforzando os momentos de relaxación necesarios durante a xestación.

A través do movemento, a emoción, a imaxe e a palabra, procuraremos conectar con nós mesmas e responder ás nosas necesidades, identificar e xestionar as nosas emocións, e aceptar e redescubrir o noso corpo, que experimenta multitude de cambios dende o comezo da xestación. Será un espazo para fomentar e reforzar o vínculo emocional co bebé, que nos brindará un tempo para facernos conscientes da nova etapa que vivimos e conectar co noso corpo e a vida que levamos non interior.

En relación ó aspecto social, será unha actividade para compartir e intercambiar experiencias con outras mulleres, creando un lugar de encontro e de diálogo verbal e non verbal.

 
En parella

Aproveitamos este espazo vivencial para compartir a etapa do embarazo coa nosa parella, aprender exercicios que realizar xuntos para mellorar o estado físico e psíquico, e reforzar o noso vínculo emocional, explorando as necesidades e emocións de ambas partes.

Só para embazaradas

Centrándonos máis en nós mesmas e no vínculo co bebé, o intercambio e diálogo verbal e non verbal con outras mulleres, desfrutando dun espazo para nós e o noso proceso, beneficiándonos a múltiples niveis.

facebook xanzá
Xanzá Movemento eco-creativo
Teléfono de contacto: 698 19 28 29