Movemento e estimulación con bebés

O movemento e a respiración marcan o comezo da vida e son anteriores á linguaxe e ó pensamento. O movemento e estimulación con bebés a través da Danza Movemento Terapia, acompaña ás/ós cativas/os durante o seu proceso de desenvolvemento, traballando a estimulación posnatal dende o movemento creativo, a música e as palabras.

 

Nestas sesións, as nais ou pais e os seus bebés descubrirán un novo espazo onde agasallarse un tempo para desconectar das rutinas diarias e conectarse entre si, estimulando os cinco sentidos a través das caricias, a respiración, o ritmo, a música, o movemento, a danza, a imaxinación, o xogo...; acompañados de múltiples materiais como teas, instrumentos, obxectos con diferentes texturas, pelotas, etc.; fortalecendo deste xeito o seu vínculo emocional, coñecéndose, comunicándose e conectándose.

Esta actividade parte do feito de que nacemos coa necesidade de ser coidados, protexidos, mimados... O vínculo emocional que os bebés establecen coa súa nai ou o seu pai resulta fundamental para proporcionarlles seguridade, para sentirse queridos, aceptados e protexidos, e desenvolver a súa personalidade nun entorno favorecedor. Este vínculo fundamental para os bebés, é o que chamamos apego, e o taller de Movemento e estimulación con bebés ofrécenos unha vía máis de comunicación para achegarnos e desfrutar xuntos; un lugar de xuntanza e relación con outras nais ou pais e entre os diferentes bebés, onde se estimularán aspectos como a comunicación, o intercambio, o autocoñecemento e a confianza, a través do movemento.

Nestas sesións traballamos a través da imitación, que constitúe a base da aprendizaxe, guía a transmisión de coñecementos, identificación de emocións, adquisición de comportamentos, etc., estimulando as neuronas espello a través de xestos, movementos, sons... A exploración de si mesmos e da súa contorna permite ós/ás pequenos/as coñecer mellor o seu corpo e as maneiras de moverse, aumentando o seu rexistro de movementos, a súa confianza, invitándoos a establecer pequenos contactos e relacións. Os  sentidos da vista, o oído e o tacto, estimúlanse a través de caricias, diferentes materiais, a música e sons, o que lles axuda a mellorar a súa percepción e comezar a diferenciar as súas preferencias. 

facebook xanzá
Xanzá Movemento eco-creativo
Teléfono de contacto: 698 19 28 29