Mulleres en movemento
O Proxecto Mulleres en Movemento
pretende ofrecer un espazo libre onde dialogar entre mulleres a través do movemento, a imaxe e a palabra. Un lugar de intercambio onde observarnos, explorarnos, descubrirnos, mostrarnos... experimentando co movemento e a emoción, facéndonos conscientes de quen somos e como somos, reafirmando a nosa individualidade e atopando fíos comúns como mulleres, reforzando a colectividade.
As sesións teñen como base a Danza Movemento Terapia (DMT), unha psicoterapia creativa que persegue a integración psico-física (corpo–mente) a través do movemento propio de cada persoa e as súas expresións non verbais, realizando unha intervención a nivel emocional, cognitivo, físico e social, a través dun proceso de crecemento persoal. Polo tanto, a DMT traballa a través da linguaxe do corpo, o movemento e a emoción, mediante variadas técnicas e dinámicas individuais, en parella ou grupo, que nos axudarán a deixarnos levar, explorar, e centrarnos no “aquí e agora” conectando co noso interior e poñendo atención plena ó momento, promovendo unha mellora na nosa calidade de vida.
REDUCE A ANSIEDADE, MELLORA A AUTOESTIMA
En Mulleres en movemento realízase un traballo de exploración e crecemento tanto corporal como emocional e social, no que se descarga tensión e se carga enerxía positiva.
Neste espazo agasallámonos un tempo para dedicarnos a nós mesmas, desconectamos da vida cotiá e conectamos co noso corpo, coas nosas necesidades e as nosas emocións. Neste espazo seguro e de confianza descargaremos tensión e nos cargaremos de enerxía; estableceremos un novo canal de comunicación mediante o corpo, coñecéndonos dunha maneira máis profunda. O movemento permitiranos recrear as emocións reprimidas e transformalas en experiencias conscientes que se van expresando gradualmente, axudándonos a poñer nome ás nosas emocións e sentimentos. Traballaremos baixo a idea de que “nós somos os nosos corpos”, construíndo unha nova relación co nós mesmas, e establecendo lazos positivos coas demais, formando parte dun todo, xa que o concepto de grupo tórnase fundamental, sendo unha evolución conxunta.
Mulleres en Movemento está dirixido á poboación de mulleres en xeral, de diferentes ámbitos ou con diversas problemáticas de carácter social, emocional ou físico, que podan compartir un mesmo espazo de confianza no que apoiarse, desfrutar, medrar, intercambiar, escoitarse e comunicarse. Un espazo para explorarnos, coñecernos e estimular as nosas capacidades máis alá dos aspectos limitadores que podan formar parte da nosa contorna, descubrindo novas maneiras de percibirnos e relacionarnos co mundo que nos rodea, definindo os nosos límites e aumentando a nosa confianza. Reforzando ou restablecendo as capacidades para crear relacións sociais positivas, disolvendo barreiras e sentíndonos libres. Buscaremos reafirmar a nosa posición como mulleres, delimitando e definindo o noso espazo persoal, volvéndoo máis forte e seguro, tomando consciencia do corpo máis alá da fatiga ou a enfermidade, fortalecendo os recursos físicos, psicolóxicos e emocionais. Conectaremos co noso corpo, establecendo unha relación cada vez máis positiva coa nosa imaxe corporal, aceptándonos e queréndonos, buscando unha mellora na nosa calidade de vida.
Obxectivos de Mulleres en movemento:
A Danza Movemento Terapia nace da danza máis simple e dos movementos naturais i espontáneos do ser humano. A ADMTE (Asociación de Danza Movimiento Terapia Española) establece como premisa básica desta terapia, o feito de que «todo movemento corporal pode levar ó mesmo tempo, a cambios na psique, promovendo a saúde e o crecemento persoal». Dende a Danza Movemento Terapia, fundamentámonos na idea de que as posturas características de cada persoa, os seus movementos, o seu xeito de ocupar o espazo, etc., reflicten tensións, emocións, relacións, estado de ánimo, personalidade e historias.
Polo tanto, a DMT traballa a través da linguaxe do corpo, o movemento e a emoción (ADMTE, 2012), supoñendo unha experiencia multisensorial para os/as pacientes, fundamentándose na investigación sobre a comunicación non verbal, na psicoloxía do desenvolvemento e en diferentes sistemas de análise do movemento, que nos axudan a comprender ás/ós usuarias/os, a identificar patróns e a establecer unha intervención personalizada e adecuada ás súas necesidades.
ADMTE (Asociación Española de Danza Movimiento Terapia) www.danzamovimientoterapia.com
EADMT (European Association Dance Movement Therapy) www.eadmt.com