• Laura Martínez Rey

Conecta co teu bebé: respiración e movemento

Descubre exercicios sinxelos para compartir co teu bebé e dedicarvos un espazo para coñecervos e conectar.


Nacemos coa necesidade de ser coidados, protexidos, mimados... O vínculo emocional que os bebés establecen coas súas nais e/ou os seus pais resulta fundamental para proporcionarlles seguridade, para sentirse queridos, aceptados e protexidos, e desenvolver a súa personalidade nunha contorna favorecedora. Este vínculo fundamental para os bebés é o que chamamos apego, e tendo en conta que as nosas primeiras experiencias teñen lugar a través do corpo, o contacto físico, as sensacións corporais e o movemento, estes aspectos tórnanse fundamentais na construción deste vínculo.


Hai moitas maneiras de conectar co noso bebé e establecer fortes lazos que nos axudarán a crear pouco a pouco un apego seguro que permita ó/á neno/a explorar o medio, ó mesmo tempo que se sente protexido e desfrutamos dunha relación positiva. Neste caso, a través da comunicación non verbal, mediante a respiración e o movemento, aspectos fundamentais para o desenvolvemento socio-emocional e a primeira vía de expresión que utilizan os/as pequenos/as incluso dende antes do nacemento (estes dous elementos marcan o comezo da vida, sendo anteriores á linguaxe e ó pensamento).


Tendo en conta que as nosas primeiras experiencias teñen lugar a través do corpo, o contacto físico, as sensacións corporais e o movemento, estes aspectos tórnanse fundamentais na construción do apego.



Primer exercicio


Propóñoche comezar buscando un espazo acolledor, sentándovos nunha base cómoda no chan e cunha temperatura ambiente adecuada. Podes utilizar unha música de fondo que vos axude a concentrarvos. Lembra que os elementos protagonistas sodes vós e os vosos corpos, non a música, así que te recomendo que sexa instrumental, suave, relaxante. Coa contorna idónea, estades preparados/as para comezar:


1. Sentada/o ou se prefires tombada/o (mellor en posición fetal), pon ó bebé en contacto co teu corpo de maneira que poda sentir a túa respiración.


2. Comeza respirando suavemente, collendo aire polo nariz e soltando pola boca (se é posible), e vai facendo respiracións cada vez máis profundas, diminuíndo o ritmo.


3. Pouco a pouco, deixa que o teu corpo acompañe á túa respiración de maneira natural, estirándote ou expandíndote cando inspiras e encolléndote ou pechándote cando soltas o aire, envolvendo ó/á pequeno/a co teu corpo, compartindo o teu ritmo e movemento, manténdoo coas túas mans xunto a ti.


4. A continuación, podes estirarlle os brazos e encollelos, subirllos e baixarllos, abrirllos e pecharllos ó mesmo tempo que colles e expulsas o aire, de maneira que vaia sentíndote, sentíndose, e integrando patróns básicos (abrir-pechar, subir-baixar, etc.).



Segundo exercicio

Outra maneira de compartir este ritmo da respiración é de pé, co/a pequeno/a preferiblemente nunha mochila ou fular de porteo:

  • Podes realizar de pé o mesmo exercicio de estirarte e encollerte envolvendo ó bebé, ou abrir e pechar o corpo, expandíndote cando colles aire e baixando cabeza, tronco e brazos, e dobrando pernas, cando o soltes.

  • Ademais, podes desprazarte con este movemento e o ritmo da respiración polo espazo.

  • Outra boa opción consiste en moverse cun ritmo relativamente constante, balanceándote dun lado a outro, de diante cara atrás, collendo e soltando aire, e desprazándote polo espazo se o desexas.



Estes exercicios de respiración e movemento son o comezo para estimular a capacidade de atención e concentración, para aprender a relaxarnos e conectar corpo e mente. Pasiño a pasiño, axuda ó teu pequeno/a a ir aprendendo a respirar; captará o concepto, o interiorizará pouco a pouco, e comezará a acompañarte nas respiracións antes do que pensas. Será unha ferramenta para axudalo/a a canalizar os seus momentos de tensión e nervios. Por suposto, non respirará perfectamente, pero por algo comézase!


Anímate a explorar e descubrir diferentes opcións para compartir respiración e movemento co teu bebé, e ir definindo as que mellor se adaptan á túa familia. A medida que o bebé vai facendo meses, o ideal é converter estes exercicios nun xogo acompañado de linguaxe, e deixar que pouco a pouco entre na dinámica e se relaxe. Seguramente, os exercicios durarán menos e terás que cambiar de dinámica máis rápido, xa que os/as pequenos/as cada vez son máis activos e necesitan estímulos diferentes continuamente.


Agardo que estes exercicios te resulten útiles para conectarte co teu bebé e desfrutar dun momento íntimo en familia. Lembra que sentíndonos e sentindo ós demais, imos coñecendo o mundo que nos rodea, e calquera contacto de amor será positivo para ir creando un apego seguro dende o mesmo momento do nacemento dos/as pequenos/as.



Un pouco acerca de mín...

Educadora Social (Universidade de Santiago de Compostela, USC)

Danza Movemento Terapeuta (Máster da Universitat Autònoma de Barcelona, UAB)

Membro Titular Rexistrado da ADMTE (“Asociación de Danza Movimiento Terapia Española”)

Máster de Intervención na Discapacidade e na Dependencia (Universidade da Coruña, UDC)

Monitora no Método de Psicoballet (Fundación Maite León, Madrid)

facebook xanzá
Xanzá Movemento eco-creativo
Teléfono de contacto: 698 19 28 29