• Laura Martínez Rey

Mulleres coidadoras: unha experiencia en movemento

Organizada pola “Fundación Mujeres” da Coruña, esta experiencia a compartín con mulleres coidadoras as 24 horas do día.


Unión, harmonía, confianza, satisfacción, relaxación, amor, liberdade, empoderamento, autoestima, forza, seguridade, gratitude, relación, emoción... son palabras xurdidas desta experiencia de Danza Movemento Terapia entre mulleres, na que dialogamos a través do movemento, mostrando a nosa personalidade, desfrutando da nosa individualidade, ó mesmo tempo que medramos e nos reforzamos como colectivo.


Gustaríame compartir esta experiencia en movemento, recentemente organizada pola “Fundación Mujeres” da Coruña, con mulleres coidadoras as 24 horas do día. Esta dedicación inflúe tanto a nivel emocional, como físico e social. O noso corpo, gran fonte de memoria, lugar no que se manifesta o vivido, recolle as sensacións, tensións, emocións, frustracións, dores, non só propias, senón tamén das persoas dependentes coidadas. Toda carga tanto física como emocional, queda no noso corpo e necesitamos expresala, compartila e xestionala, para procurar o maior benestar posible.

Nesta experiencia desfrutamos dun espazo no que establecemos relacións positivas e recibimos un apoio social, fundamental para a nosa calidade de vida; utilizamos o corpo e o seu movemento como canal de expresión emocional, como vía para conectar co noso interior, dedicando un tempo a nós mesmas, no que facernos conscientes de como estamos, do que sentimos, do que necesitamos, descargando tensión, cargándonos de enerxía, explorando, experimentando, compartindo e medrando.


O noso corpo, gran fonte de memoria, lugar no que se manifesta o vivido, recolle as sensacións, tensións, emocións, frustracións, dores, non só propias, senón tamén das persoas dependentes coidadas.

Estas mulleres loitadoras compartiron comigo un espazo no que a confianza e a complicidade foron protagonistas ós poucos minutos de comezar. Miradas e xestos de apoio, comprensión, acompañamento, emoción. Enerxías diferentes e moita conexión, respecto e intercambio, durante as diferentes dinámicas mediante as que conectamos corpo e mente.





Mulleres en Movemento é un espazo de Danza Movemento Terapia que busca aportar beneficios a nivel físico psíquico, emocional e social, promovendo a confianza e autoestima, a capacidade de resiliencia, aportando camiños para coñecernos mellor, expresarnos, apoiarnos, responder ás nosas necesidades e medrar.




Non quero pechar esta experiencia sen invitarvos a reflexionar sobre a gran necesidade destes espazos para o benestar físico, psíquico e social, como medio de prevención e apoio —neste caso para mulleres coidadoras—, e en xeral para diferentes colectivos. As administracións deben proporcionar os medios, apoios e guías para mellorar a nosa calidade de vida, centrándose na prevención e non en accións paliativas, xa que é o camiño para evitar moitas situacións de risco.

Grazas á “Fundación Mujeres” por contar comigo, e mil grazas a VÓS por compartir estas sesións comigo, deixarvos levar, colaborar, confiar no espazo, sentir e permitirme recibir a vosa enerxía. Foi un pracer como persoa, muller e profesional, e agardo desfrutar de novas ocasións para compartir movemento con vós e continuar medrando. Unha aperta forte!




Un pouco acerca de mín...

Educadora Social (Universidade de Santiago de Compostela, USC)

Danza Movemento Terapeuta (Máster da Universitat Autònoma de Barcelona, UAB)

Membro Titular Rexistrado da ADMTE (“Asociación de Danza Movimiento Terapia Española”)

Máster de Intervención na Discapacidade e na Dependencia (Universidade da Coruña, UDC)

Monitora no Método de Psicoballet (Fundación Maite León, Madrid)

facebook xanzá
Xanzá Movemento eco-creativo
Teléfono de contacto: 698 19 28 29