Sendeirismo consciente

Respirar e facer exercicio ó aire libre supón unha harmoniosa combinación que equilibra o corpo, a mente e as emocións. Aquí tes unha opción que promove un estilo de vida saudable en equilibrio con nós mesmos/as e a nosa contorna natural, entre outros aspectos, para mellorar a nosa calidade de vida. Non deberiamos desvincular o corpo da mente nin ambos da contorna onde vivimos. A natureza, a respiración e o movemento, son importantes fontes de enerxía, que propoñemos fusionar nesta proposta, a través de técnicas de relaxación e da Danza Movemento Terapia.

O sendeirismo consciente une natureza, corpo e mente, nunha soa actividade na que deixaremos de lado o estrés, para facer exercicio ó aire libre, coñecer xente e conectar co medio natural dende o seu interior, ó tempo que desconectamos da vida cotiá, para dedicarnos un tempo a nós mesmos/as.

Gozaremos dunha xornada en grupo de actividade física lixeira e de crecemento persoal, na que establecer relacións positivas e relaxarnos, co obxectivo de acadar un benestar, que nos axude a mellorar a nosa calidade de vida.

Por suposto, aproveitaremos os beneficios que nos proporciona o contacto coa natureza, transmitindo a súa importancia e o vínculo que nos une a ela, sempre fomentando o respecto polo medio ambiente, e educando para vivir en equilibrio coa contorna.

Nos camiños, ademais de descubrir fermosas paraxes e coñecer curiosidades sobre a contorna, desenvolveremos diferentes exercicios como:

  • Exercicios de concentración, atención plena, consciencia e control corporal.

  • Técnicas de respiración e relaxación.

  • Percepción da contorna (vista, oído, olfacto, tacto) e interacción coa natureza.

  • Dinámicas en movemento de intercambio, escoita activa, comunicación, etc.

Como é a actividade? Que nos aporta?

  • Os sons da natureza e o silencio, xunto cos exercicios propostos, axúdannos a descargar tensión e enchernos de enerxía, reducindo os niveis de estrés e ansiedade.

  • Promove a integración corpo-mente, a través da respiración e o movemento.

  • Supón un camiño para comezar a centrarnos no "aquí e agora", conectando co noso interior e invitándonos a desfrutar do momento presente.

  • Fomenta a mellora da consciencia corporal, o control corporal e as capacidades de atención e concentración.

  • Os sons e olores da natureza estimulan os nosos sentidos e axúdannos a conectar coas nosas emocións.

  • Axuda á mellora do estado físico e das destrezas físicas como coordinación, mobilidade, equilibrio.

  • O feito de exercitarnos ó aire libre aumenta os nosos niveis de Vitamina D.

  • Establecemento de relacións positivas entre os membros no grupo, desenvolvendo as nosas habilidades sociais e de comunicación. Experiencia compartida de benestar.

facebook xanzá
Xanzá Movemento eco-creativo
Teléfono de contacto: 698 19 28 29